Saturday 18 de May de 2024

Nava Castro subliña que Turismo de Galicia xa executou un 40% do seu Plan Termal 2014-2020


Executáronse 31 das 71 actuacións previstas, que supuxeron unha achega superior aos 5 millóns de euros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que Galicia xa ten un 40% executado do seu Plan de Turismo Termal, aprobado para o período 2014 – 2020, ao ter realizadas 31 das 71 actuacións previstas e que supuxeron unha achega superior aos 5 millóns de euros. A directora fixo estas declaracións con motivo da súa participación no curso Termalismo: deporte e saúde en Galicia como destino termal organizado pola Universidade de Vigo.

Neste sentido, Nava Castro puxo como exemplos máis salientables do traballo realizado polo seu departamento a recuperación de balnearios abandonados ou de nova construción, como é o caso do Balneario de Cortegada, inaugurado en marzo de 2015; a conversión da Fortaleza de Monterrei nun Parador; as obras de rehabilitación e acondicionamento iniciadas no Mosteiro de San Clodio, en Leiro, por importe de 950.000 euros para a creación dun spa de viñoterapia, con remate previsto a finais deste ano; ou a creación dunhas termas en Lobios, na beira do Miño.

A maiores, a directora enxalzou que están creando novas rutas turísticas para poñer en valor e difundir os recursos turísticos asociados á auga termal e mineromedicinal. Segundo explicou, este é o caso de Verín, onde xa se inaugurou a Ecovía Fluvial do Támega e se presentou a guía turística onde se recollen todos estes recursos.

Así mesmo, Nava Castro expuxo que o Plan contempla iniciativas de participación en redes e establecemento de alianzas para actuacións como a sinalización das vilas termais de Galicia, cun investimento de 601.000 euros, ou a incorporación tanto da provincia de Ourense como da Comunidade galega á European Historic Thermal Tows Association EHTTA.

Segundo dixo a directora, tamén se realizan labores de promoción como a asistencia ás máis importantes feiras de turismo termal, como é o caso de Termatalia, co fin de dar a coñecer a oferta da Comunidade tanto aos especialistas como ao público en xeral interesado nas terapias e tratamentos relacionados co turismo de saúde.

Novos proxectos turísticos en materia termal
Nava Castro adiantou que se está traballando en varios proxectos turísticos en materia termal como a redacción do Plan de Turismo de Saúde en Galicia, que está previsto rematar este ano; a creación do Club do Produto Turístico da Auga de Galicia, unha iniciativa pioneira no sector turístico nacional co obxectivo de promover experiencias turísticas e produtos coa auga como eixo vertebrador; ou unha iniciativa de xestión médica e documentación dos balnearios de Galicia, en base a un convenio asinado coa Asociación Galega de Propiedade Balnearia (BALNEGAL).

Neste último caso, a directora explicou que se traballa na estandarización dos procesos de asistencia médica nos balnearios de Galicia co obxecto de revalorizar a proposta de servizos de saúde sobre a base dunha monitorización dos casos atendidos e dos resultados obtidos.

Sector termal galego
En Galicia a auga termal é un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico cun volume de negocio duns 60 millóns de euros e 1.400 empregos directos, segundo dixo a directora.

Nava Castro afirmou que en Galicia hai catalogadas máis de 300 captacións termais, existindo unha afloración mineiro-medicinal por cada 10.000 habitantes. Desas 300 captacións, máis de 20 teñen a cualificación de balneario e converten a Galicia en líder no sector a nivel estatal ao ter a Comunidade 8 dos 37 balnearios distinguidos en toda España coa Q de Calidade Turística. Así mesmo, estes establecementos supoñen unha oferta de alta gama, sendo nun 67% dos casos aloxamentos de 4 e 5 estrelas.

A directora expuxo que o Goberno galego impulsa o termalismo en Galicia adaptando a oferta a diferentes perfís e segmentos de mercado grazas a produtos e programas específicos de tipo deportivo, de saúde, dirixidos a familias ou a clientes sénior, entre outros. Por exemplo, este ano Turismo de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico asinaron un convenio que inclúe, entre outras accións, a proxección do Centro de Adestramento de Remo Laias, Arnoia e Castrelo de Miño de cara ás Olimpíadas de Río 2016.